Caxigalines nella Reguera'l Campizu

28 marzo 2017

RIVADULLA: CAMELIAS, FERVENZAS E CAMIÑO DE OLIVEIRAS


O sábado esixía un colofón. O Pazo de santa Cruz de Rivadulla foi o elixido. Nunca estivera nel. O pazo dos Armada (o golpista), o pazo das camelias, o pazo de xardíns feraces e espontáneos, o pazo onde estivo convaleciente Jovellanos, o pazo dos camiños das oliveiras, o pazo central das terras do Ulla. Coñecía todo iso por referencias. A cancela estaba aberta e o breve camiño ata o pazo estaba ben cuidado: ao fondo agardaba un mozo duns dazaoito anos, se cadra menos. Era quen cobraba. Cheiraba a esterco e escoitábanse as vacas muxir dentro das cortes do pazo. A descripción daquela entrada pedía unha voz decimonónica e eu estaba por recorrer aquela natureza en apariencia abandonada. Digo en apariencia porque en realidade había un cuidado particular por deixar todo ao capricho da lei natural. Os carreiros do pazo semellaban arranxados, as regueiriñas parecían limpas de folla para o transcurrir ceibo das augas e as camelias, en distintos niveis de floración, non daban a impresión de desleixo, a pesar das flores murchas estradas entre a herba. Camiñamos á fervenza, recorrimos o sendeiro ao lado do río e tentamos lembrar como deberon de ser as baixas sebes de buxo que compoñían o vello xardín francés. Non tardamos moito en recorrer o entorno do pazo; a tarde enfriaba e conviña marcharse. Regresamos pola mesma estrada e paramos en Herbón, só por vermos ao sambenito botando auga polo peito. Aqueles tempos dos pazos non producen en min ningunha nostalxia, ningunha magoa sobre pasados gloriosos. Todo o contrario: un sentimento de desprezo sempre aparece en cada paso do camiño. A paisaxe rural de Galicia, dos últimos trinta anos, tampouco mellora esa sensación: desastre é a palabra que me acompaña. Un sábado de marzo foi día de pazos, propiedades de golpistas e de familias tristemente célebres: malia todo, non estivo nada mal visitar estas fermosas reliquias.  

Nessun commento: