Caxigalines nella Reguera'l Campizu

30 marzo 2017

LIÑARES: PAZO NIQUELADO


Pazos de propiedade privada en perceptible auxe (Faramello), en declive lento (Rivadulla) ou en abandono decidido (Quintela). Tamén pazos de titularidade pública, convertidos en contedores culturais, de calquera cousa, do que caia. Tal é o caso do de Liñares, que acubilla un museo do monicreque, un laboratorio arqueolóxico, unha sala de exposicións e mais o propio Pazo restaurado e baleiro de toda pegada histórica, se exceptuamos as propias pedras repolidas e afirmadas: unha desas intervencións, con fondos europeos ou do que sexa (crin ver o Goberno de España por algures), que paga unha deputación e que conservan como poden concellos ou a mesma institución provincial. O resultado en apariencia é espléndido. Os gastos gastados na reconstrucción dun pazo que foi referencia notable a finais do século XIX e comezos do XX, por onde pasaron esgrevias personalidades da vida pública galega, parecen ben empregados. Pero unha sensación estrana invade ao visitante: a de atoparse nun espazo sen gracia, sen demasiado interese, fóra do propiamente arquitectónico. O día era chuviñento, o campo estaba sen cuidar, o laboratorio estaba pulcramente pechado e a fonte do prado da entrada semellaba entregada a liques e verdellos por falta de atención. Pode que eu busque algo que xa levo na cabeza, pero o certo é que decepciona tanta prosapia para tan escasa substancia. Paga a pena parar alí o coche e dar unha voltiña ao seu redor pero máis nada. Isa é a triste realidade de moi boa parte destas intervencións culturais. De volta a casa aínda nos animamos a pasar pola casa de Colón en Poio, outra desas intervencionciñas con fastos máis ou menos acaídos. Fica pechada desde hai meses e anuncian reapertura ad calendas graecas. Ad calendas gallaicas máis ben.    
Nota: A foto é da fonte que está antes de entrar á verxa do Pazo. Garda, creo eu, un pequeno acertixo por riba da billa: BBYBT. Supoño, pero aquí queda.

Nessun commento: