Caxigalines nella Reguera'l Campizu

29 marzo 2017

PAZO DE QUINTELA: FRAGAS DE CATASÓS


Os pazos dos que falei estes días eran de pago; os dous con sistemas manuais de recadación: con taquilla cutre nun caso e con estiramento de brazo para recoller no outro. Este do que falo hoxe é gratuito: é gratuito porque non se pode entrar. A visita realízase daquela maneira chamada á brava, toda desde o exterior, con achegamentos máis ou menos furtivos a pombal e hórreo e coa contemplación da finca desde o outeiro/castro onde está ubicada ata os lindes coas fragas de Catasós. Estou a falar dun pazo algo agochado, entre os distintos casais da freguesía de Quintela que dá nome (ou eso creo) ao edificio nobiliario. 
Distínguese a modesta grandeza do pazo pola cheminea, por un adorno algo sofisticado nunha xanela e por unha parte de atrás onde probablemente en tempos houbo corredor ou galería e agora hai unha longa balconada ao aire que dá a un patio enlamado onde corren as galiñas e se amorean ferramentas de labradío. 
Convén atreverse e mirar, rubir algún valado non moi alto e espiar entre as pedras o interior que semella ameazar ruina. E convén facelo por recoñecer relatos ou historias que traes contigo. A historia deste pazo é a da familia Quiroga e, por esa vía, a de Emilia Pardo Bazán mentres entre os dous houbo relación matrimonial máis ou menos estreita. Non contarei pormenores desta historia, pero non cabe dúbida de que a visita a este lugar (un vello castro, case con seguridade), perto dunha esplendorosa fraga, ameazada hai pouco por unha empresa eléctrica, se non permite facerse unha idea do sistema económico de finais do século XIX alomenos permite disfrutar dunha porción dunha paisaxe máis ou menos ordenada da Galicia campesiña, ao servizo da nobleza fidalga desta parte do mundo, agora en completo declive e abandono. Non está nada mal para esquecer por unhas horas outras arelas.      

Nessun commento: